jueves, 6 de diciembre de 2012

MES DO VOLUNTARIADO

Decembro será no IES Nº1 do Carballiño o Mes do Voluntariado

Aproveitando que o día 5 de decembro é o Día Internacional dos Voluntarios para o Desenvolvemento Económico e Social, escollemos esta temática para o mes. O obxectivo é tomar conciencia da necesidade de colaborar con organizacións sen ánimo de lucro e mellorar así o día a día das persoas.
















No noso ámbito máis cercano existen organizacións coas que podemos colaborar, ás que podemos donar un dos nosos tesouros máis importantes: o noso tempo. É necesario máis que nunca fomentar a solidariedade e a colaboración na defensa dos dereitos dos cidadáns: a igualdade, a protección da saúde, a xustiza, a defensa dos máis vulnerables, etc.

Todos podemos botar unha man!


Seguro que coñeces a alguén que traballa nalgunha destas organizacións, ao mellor ti mesmo. Se é así, o noso recoñecemento é tamén para ti. 














A Cruz Vermella levou a cabo unha campaña de recollida de alimentos no Centro para repartir entre as familias máis necesitadas.  

CONCURSO DE RELATO CURTO E EXPOSICIÓN "TRÁTAME BEN"

Xa podedes consultar as bases do Concurso de relato curto: "Historias de acoso" na pestana correspondente do blogue. Esperamos a vosa participación para contarnos historias reais ou imaxinarias relacionadas coa violencia escolar, protagonizadas por vós mesmos ou por outras persoas. 








No marco do mes de novembro e en relación á temática "Escola sen violencia nin acoso" estamos levando a cabo a exposición "Trátame ben".






Nela faise unha análise da violencia escolar. 


Dunha maneira sinxela e asequible a todos/as defínese o que é maltratar, cales son os nosos dereitos e as nosas obrigas na relacion cos demais; por que hai rapaces e 

rapazas que acosan; como se senten as persoas acosadas; que facer e como debemos comportarnos se nos atopamos  nunha situación de acoso, etc.

A exposición pretende concienciarvos do importante que é denunciar os casos de acoso, tanto se somos nós quen os sufrimos coma se somos testemuñas deles.

Ante o acoso, non quedes calado. Actúa!!




miércoles, 14 de noviembre de 2012

E O TEMPO ACOMPAÑOU

MAGOSTO 2012

       Celebramos este ano o magosto nunha soleada tarde de novembro con moitos xogos- magnificamente organizados polo Departamento de Educación Física, Cristina e Manolo e coa colaboración de moitos voluntarios/as- e moita participación por parte de todos. 

    Houbo carreiras de sacos, bolos, fariñada, cadeiras musicais e outras moitas cousas. Ata o profesorado se animou a participar (se non o credes mirade as fotos).
E despois do esforzo, castañas ben quentiñas que Adela e Carlos nos repartiron xunto cun refresco.

    Xogos, sol, castañas, refrescos e moitos amigos... ¿Quen pode pedir máis?

Moitas grazas a todos/as pola vosa participación!!!!

Ah... podedes ver TODAS AS FOTOS pinchando aquí, na galería da web do instituto. 

viernes, 9 de noviembre de 2012

MAGOSTO 2012

CASTAÑAS, CASTAÑAS, CASTAÑAS...
E FAREMOS UN BO MAGOSTO

O próximo luns, día 12 de novembro, pola tarde celebraremos o magosto no centro. 


As actividades empezarán arredor das 16:10.

Haberá xogos populares, organizados polo Departamento de Educación Física.
Realizaremos un Concurso de disfraces de paisanos e paisanas (haberá premios para os mellores).

Arredor das 17:30 haberá castañas e refrescos para todos os asistentes......FELIZ MAGOSTO!!!





jueves, 1 de noviembre de 2012

NOVEMBRO- MES DA ESCOLA SEN VIOLENCIA NIN ACOSO


A temática do mes de novembro é “Escola sen violencia nin acoso”. O obxectivo é tomar conciencia  da necesidade de respectar e ser respectados, a necesidade de non quedar calados ante as agresións, ben como vítimas ou como testemuñas delas. 

Con motivo desta temática elaboramos unha serie de actividades:

Concurso de Relato Curto “HISTORIAS DE ACOSO”, onde poderemos relatar experiencias reais ou imaxinarias sobre este tema. Consulta aquí as bases do concurso.

Realizamos tamén unha exposición co título “TRÁTAME BEN”, onde poderemos aprender como comportarnos en caso dunha situación de acoso ou violencia, onde se explica porque hai rapaces e rapazas que acosan aos demais e como facerlles fronte.

Dirixida ao alumnado de 3º da ESO a Cruz Vermella impartirá charlas sobre resolución de conflitos que permitirá aprender como enfrontarnos aos problemas de xeito eficaz e dialogante.


Queremos plantarlle cara aos matóns do instituto. 

Ante o acoso non quedes calado. Actúa!!!

miércoles, 31 de octubre de 2012

DOCUMENTAL E EXPOSICIÓN SOBRE ISRAEL E PALESTINA

O martes día 30 tivo lugar no IES nº 1 a proxección do documental "Camiños de paz: As outras voces de Israel e Palestina" realizado por un grupo de reporteiros que forman parte da asociación AGARESO (Asociación Galega de Reporteiros Solidarios).

Tivemos a sorte de contar coa guionista e directora do documental Luisa Pérez para que nos explicara o difícil día a día dos habitantes das zonas ocupadas.

O documental presenta unha cara do conflito que poucas veces aparece nos medios de comunicación habituais, a do traballo de organizacións palestinas e israelís que colaboran xuntas para abordar os problemas comúns, baseándose no diálogo, na cooperación e no recoñecemento do outro non como un inimigo senón como un ser humano, cos mesmos sufrimentos e desexos.

Como complemento ofrécese a exposición "Outras voces de Israel e Palestina" na que se pretende mostrar, a través de seis temáticas esenciais para a construción da paz o traballo da sociedade israelí e palestina.

...E DO CONCURSO DE CABAZAS...

Temos tamén os gañadores do concurso de cabazas que se celebrou no IES nº 1 co motivo da celebración do Samaín. Neste caso o xurado estivo composto por:

Ana Lousado Duro, membro da ANPA
Alberto González Álvarez, profesor e Xefe do Departamento de inglés e
Nerea González Godoy , alumna de 1º BAC A e representante do alumnado.

A decisión non foi fácil porque había moitas cabazas moi orixinais e elaboradas.
O resultado do concurso foi o seguinte:



1º PREMIO- CABAZA Nº 27-  Bruno Fernández Dos Reis ( 2º ESO B)

2º PREMIO- CABAZA Nº12- Jesús Carrete Bueno (1º ESO A)

3º PREMIO- CABAZA  Nº 3- Paula Boleira Fernández (1º ESO A)













MOITAS FELICIDADES AOS GAÑADORES!!!!


 E A TODOS MOITAS GRAZAS POLA VOSA PARTICIPACIÓN!!!!

FELIZ e TERRORÍFICO SAMAÍN!!!!

martes, 30 de octubre de 2012

....E AS GAÑADORAS SON.....


Xa temos gañadoras do Concurso de fotografía dixital: Os máis sabios do lugar.

O noso xurado estivo composto por:

Desideria Rey González, membro da ANPA
Gema Roiz Sánchez, profesora de latín e
Manuel Fernández Rodríguez, alumno de 4º ESO e representante do alumnado.

Os membros do xurado decidiron outorgar os seguintes premios:

1º PREMIO


Retales de Sarah Darriba Alves, alumna de 2º BAC A

2º PREMIO




Se o amor é verdadeiro nin se quebra nin se esquece
de Noelia Álvarez Vidal, alumna de 2º BAC A.

3º PREMIO



  Mirada ao pasado de Sarah Darriba Alves,alumna de 2º BAC A

MOITAS FELICIDADES ÁS GAÑADORAS POR ESTAS ESTUPENDAS FOTOS!!!!
E MOITAS GRAZAS A TODOS POR PARTICIPAR!!!!

sábado, 20 de octubre de 2012



Chega  o  samaín


Mouchos, curuxas,  sapos e bruxas... É a época dos aparecidos, o tempos dos defuntos que saen das súas coveiras e veñen a mesturarse cos vivos.

Xa está aquí o Samaín e para celebralo buscamos cabazas espeluznantes e arrepiantes, desas que ninguén querería atopar de camiño ao cemiterio nunha noite de brétema sen lúa.

Anímate a tallalas e preséntaas ao Concurso de Cabazas que organizamos no IES nº1 do Carballiño. Consulta aquí as bases do concursos.

Hai premios terroríficos!!!!!!

viernes, 12 de octubre de 2012

EMPEZAN OS ENSAIOS DO CORO...

Como todos os cursos o coro do IES Nº 1 comeza a súa actividade da man da Profesora Ana Rivera do Departamento de Música. Os ensaios empezarán o día 16 e serán os martes e venres no 2º recreo. 

Se estás interesado/a asiste regularmente aos ensaios e terás unha compensación na nota de música.

Canta con nós!!!

...E TAMÉN AS ACTIVIDADES DEPORTIVAS

O Departamento de Educación Física está levando a cabo actividades deportivas os mércores pola tarde no IES nº 1. Debes inscribirte falando co profesor Manuel Fernández Pedrouzo. Seguro que hai algún deporte no que queres participar. 

Se o teu é o ping pong apúntate rapidamente porque vai empezar o Campionato de ping pong deste ano.

Durante os recreos a profesora Cristina Eisermann proponvos unha serie de actividades divertidas e estimulantes no programa Recreos Activos.







miércoles, 19 de septiembre de 2012


BENVIDA

Benvidos/as ao blogue Estralotes. Empezamos un novo curso e queremos facelo con moitas ganas e con moitas actividades novas. Desde aquí poderedes informarvos de todo o que imos ir facendo no Departamento de Actividades Extraescolares e Complementarias (DACE).

Gustaríanos moito que participarades en todo o que temos preparado para vós: concursos, festivais, obradoiros e outras moitas cousas que serán unha sorpresa, por iso non as imos descubrir aínda.

Hai premios moi importantes!!!!

Cada mes elixiremos unha temática e as actividades estarán relacionadas con ela: medio ambiente, consumo responsable, igualdade, voluntariado, etc. Ademais teremos as festas tradicionais: o magosto (mmmmmmm, que ricas castañas!!!); o nadal (con moitas sorpresas); o entroido ( xa sabes de que te vas disfrazar? Pois vai pensándoo)...e o remate do curso (Xa verás que cedo chega!!)

Anímate e participa!!!!