domingo, 21 de abril de 2013

FESTA DE GRADUACIÓN NO IES Nº1 DO CARBALLIÑO


O venres día 19 de abril ás 19:30 horas tivo lugar o acto de graduación do alumnado de 2º de Bacharelato no IES nº 1 do Carballiño, organizado pola ANPA. 

Ademais dos discursos de rigor, no acto proxectáronse diferentes audiovisuais que lembraron o paso polo centro dos mozos e mozas que este ano finalizan os seus estudos, algún destes traballos foi elaborado polos propios alumnos. Recibiron un diploma, a orla da súa promoción e outros agasallos que foron entregados polos titores dos cursos, o Director do IES nº1 e o presidente da ANPA. Rematouse o acto coa actuación do coro do instituto formado por alumnos/as e profesores. 

Con posterioridade celebrouse unha cea para alumnado, pais e profesorado que tivo lugar nas propias instalacións do IES nº1. 

Este ano rematarán a súa formación no centro 39 alumnos/as que pertencen á promoción 2007- 2013. 

EXPOSICIÓN DA CRUZ VERMELLA SOBRE SAÚDE






Desde o día 12 de abril ata o día 19 contamos no IES nº1 do Carballiño coa Exposición titulada A Viaxe de Allikay, cedida pola Cruz Vermella.

Trata sobre os problemas que diferentes persoas de distintos países teñen para acceder á auga, á educación, aos servizos sanitarios, etc.





A actividade completarase con charlas sobre trastornos de alimentación dirixidas a alumnos/as de 2º da ESO.

VIAXAMOS, COÑECEMOS, ESCOITAMOS

Durante este mes están programada múltiples viaxes e visitas de carácter cultural e científico.

O alumnado de arte viaxou a a Madrid para visitar os Museos do Prado, Reina Sofía, Thyssen e Fundación Mapfre. Alumnose alumnas de 2º da ESO desprazáronse a Ourense para coñecer a súa catedral e casco histórico. O alumnado de ciencias de 1º e 2º de Bacharelato viaxará á Serra do Cando e os alumnos/as de música irán a Santiago de Compostela para asistir a un concerto didáctico. 

Quen dá máis?
Alumnado de 2º da ESO en Ourense

INTERCAMBIO IES Nº1 DO CARBALLIÑO- ORANMORE-MAREE


   O Concello do Carballiño, xunto co Concello de Boborás e a Fundación Losada Diéguez conscientes da importancia da aprendizaxe e do coñecemento da lingua inglesa para o desenvolvemento profesional dos máis xoves, está traballando nun proxecto de intercambio entre escolares dos IES da vila e de Oranmore-Maree (Irlanda); está dirixido a alumnado que está cursando este ano 1º da ESO e a idea é que se desenvolva no verán do 2014 para estes mesmos alumnos que estarán en 2º.



   O  venres, 5 de abril contamos coa visita da responsable no senado irlandés sobre asuntos sociais e Unión Europea Fidelma Healy Eames que chegou ao Carballiño para estreitar os lazos de colaboración e ter o primeiro contacto coas administracións implicadas, coas familias e cos centros educativos participantes;  ás 12:15 visitou o IES Nº1 onde foi recibida polo director e visitou tamén o departamento de inglés; ás 12:30 h reuniuse no salón de actos de dito centro co alumnado de 1º da ESO dos dous institutos (IES Nº1 e IES “Chamoso Lamas”), así como cos representantes das respectivas ANPAS e os pais que o desexaron, onde se deu unha breve exposición do programa.

ABRIL: MES DO MULTICULTURALISMO




Ao longo de todo o mes de abril o IES Nº1 do Carballiño levou a cabo actividades adicadas ao tema do multiculturalismo. Pretendemos crear un espazo de reflexión sobre a variedade cultural, social, étnica, relixiosa da sociedade actual. Haberá actividades para as titorías, charlas sobre multiculturalismo e un concurso de fotografía dixital.




ENLACES SOBRE MULTICULTURALISMO 


Foron propostos para traballar nas títorías:

SETE MIL MILLÓNS DE OUTROS



Na web “7 mil millóns de outros” podemos atopar un proxecto global que consiste en recompilar testemuños de 6000 persoas pertencentes a diferentes culturas, sociedades etc. Corenta preguntas esenciaIs permiten descubrir tanto o que nos separa como o que nos une. Estes retratos da humanidade de hoxe son accesibles neste sitio de internet:


http://www.7billionothers.org/es

Os vídeos están en castelán, inglés e francés.

Son interesantes para iniciar un debate na aula.


MIGRAR É CULTURA



Trátase dunha web participativa onde se pretende constatar como os fluxos de poboación supoñen un enriquecemento para todos. Sobre temáticas moi variadas que van desde a música e a gastronomía ata experiencias vitais, distintas persoas van aportando o seu testemuño a través de vídeos e textos. Todos poden participar sexan emigrantes ou non. 

O alumnado pode elaborar un vídeo sobre calquera cuestión e aportalo á web. Tamén se poden continuar algunhas das historias que estean xa iniciadas.

http://www.migrarescultura.es/


CUADERNO INTERCULTURAL

Nesta páxina existen infinidade de propostas, a maioría son xogos e dinámicas que pretenden fomentar as relacións multiculturais, previr o racismo  e promover a tolerancia. Hai onde escoller.

http://www.cuadernointercultural.com/dinamicas-y-juegos/interculturalida/


TE CUENTO

Atopamos aquí tres tres curtametraxes feitas na República Dominicana, Guatemala e Honduras a partir da realización duns talleres nos que 15 nenos e nenas de cada país aprenderon a realizar a súa propia obra audiovisual. O resultado é un mosaico no  que os seus protagonistas, nenos e nenas, nos explican o seu entorno, o seu  día a día, como se tece a súa identidade cultural, e reflexionan sobre os dereitos humanos e a idea de solidariedade e cooperación.

Os tres contos van acompañados por material pedagóxico.

http://tecuentolacooperacion.wordpress.com/



CONCURSO DE FOTOGRAFÍA DIXITAL: XENTES DO MUNDO



Con motivo da temática do mes propoñémosvos o tema "Xentes do mundo" para este concurso. Botade unha ollada ao voso redor e atoparedes moitas persoas e ambientes aos que dirixir o obxectivo da vosa cámara.

Animádevos a participar!!!!!