jueves, 16 de mayo de 2013

XOSÉ NEIRA VILAS VISITA O IES Nº1





A mañá do martes día 7 de maio foi unha mañá especial no IES Nº1 do Carballiño. Ese día recibimos a visita dun dos máis afamados escritores da literatura galega contemporánea. Visitou o noso centro o escritor Xosé Neira Vilas. A súa chegada produciuse ás 11:30 e nada máis chegar asinou libros a alumnos e profesores, saudando a todos os asistentes e lembrando as amizades que tiña na vila do Arenteiro, froito de visitas anteriores. 

O acto estivo organizado pola Asociación Cultural Avantar en colaboración co IES Nª!. Estiveron acompañando ao escritor Eduardo Bernárdez, representante da citada 
asociación, e representantes da asociación de libreiros da vila. A conferencia tivo lugar no Salón de Actos do centro e contou coa asistencia de numerosos alumnos que plantearon as súas cuestións ao escritor. Neira Vilas lembrou ao homenaxeado deste ano no Día das Letras Galegas, Roberto Vidal Bolaño, falou da literatura no exilio e das relacións que mantivo en Bos Aires e Cuba cos intelectuais galegos exiliados. Preguntado polos novos proxectos que tiña en marcha, o escritor falou dos dous libros que está escribindo: o primeiro trata sobre a figura de Francisco Fernández del Riego e o segundo recolle as súas vivencias durante a súa estancia en Cuba nun período de 30 anos. Á pregunta de cales eran os seus libros favoritos, O escritor recoñeceu que Memorias dun neno labrego, a súa obra máis emblemática, era un deles xunto con outra obra súa, Querido Tomás. Rematou lembrándolles aos rapaces o importante que era a lectura e asinándolles exemplares das súas obras.

Ao final do acto tivemos a sensación de que o tempo pasado con el soubera a pouco.